Presentación

A Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias constitúe o instrumento legal máis importante para a protección e promoción das linguas minoradas en Europa a partir da súa consideración como patrimonio cultural europeo ameazado. Desde a súa aprobación en 1992, vinte e cinco estados do Consello de Europa ratificaron este convenio internacional, coa responsabilidade e as obrigacións que tal compromiso conleva.

O seguimento do cumprimento do acordado por cada Estado no instrumento de ratificación é un proceso complexo que ten nos informes do Comité de Expertos/as (COMEX) o seu punto final. Estes informes son públicos e a eles pódese acceder no sitio web do Consello de Europa.

Para facilitar o acceso á información relacionada con cada Estado, coas linguas e cos numerosos grupos lingüísticos protexidos pola Carta tanto na súa parte II (artigo 7) como na súa parte III (artigos 8 a 14), presentamos CELMI (Carta Europea para as Linguas Rexionais ou MInoritarias), unha base de datos na que integramos as conclusións do COMEX a todos os informes publicados (excepto os de Liechtenstein e Luxemburgo por ser Estados que non recoñecen minorías lingüísticas no seu territorio). Con CELMI podense realizar buscas, análises e comparativas entre linguas, estados, artigos ou grupos lingüísticos e facer un seguimento da súa evolución dende a entrada en vigor da Carta (1998).

Para cada un dos compromisos aplicados en cada Estado, o COMEX pode concluír unha destas catro opcións: «cumprido», «cumprido parcialmente», «cumprido formalmente», «non cumprido». Por razóns diversas, con certa frecuencia, o COMEX vese na imposibilidade de optar por algunha destas catro posibilidades, sendo a súa decisión final «sen conclusión».

Seguindo a estratexia que adoptou o COMEX en 2017, utilizamos tres marcadores gráficos para sintetizar os cambios: unha frecha cara arriba (↗), cando se constata un avance favorábel, unha frecha cara abaixo (↙) cando se trata dun retroceso e un signo igual (=) cando non hai cambios, sempre respecto ao informe inmediatamente anterior. Poñamos algúns exemplos aclaratorios a partir do gaélico-escocés no Reino Unido, comparando o 5º informe (2020) co 4º informe (2014):

  1. Artigo 10.1.c: No 5º informe, a conclusión do COMEX foi «cumprido parcialmente» cunha frecha cara arriba (↗) xa que no 4º informe a decisión tomada foi «sen conclusión». Desta xeito enténdese que se deu un avance.
  2. Artigo 12.1.e: No 5º informe, a conclusión do COMEX foi «cumprido» cunha frecha cara arriba (↗) xa que no 4º informe a decisión tomada foi «cumprido parcialmente». Deste xeito enténdese que se deu un avance.
  3. Artigo 11.1.b.ii: No 5º informe, a conclusión do COMEX foi «non cumprido» cunha frecha cara abaixo (↙) xa que no 4º informe a decisión tomada foi «cumprido». Isto supón que se deu un retroceso.
  4. Artigo 8.1.b.i: No 5º informe, a conclusión do COMEX foi «cumprido parcialmente» cun signo igual (=) xa que no 4º informe a decisión tomada foi a mesma. Desta maneira explicítase que non houbo cambios entre ambos os informes.

A porcentaxe que aparece xunto a cada estado, lingua ou artigo cómpre interpertala coma un dato que ten en conta as diferenzas entre as cinco posíbeis conclusións utilizadas polo COMEX, tomadas no seu conxunto, respecto ao informe inmediatamente anterior e de acordo coa casuística recollida na táboa que aparece a seguir. Por exemplo, ao comparar todas as conclusións entre os informes de 2018 e 2012 sobre Austria, constatouse unha mellora global do 1% (↗).

Cómpre indicar que, nalgúns casos excepcionais, o que indica a táboa non é o que reflicte o informe do COMEX. Estas excepcións aparecen recollidas no apartado «notas».

Previo / Último Cumprido Cumprido parcialmente Cumprido formalmente Non cumprido Sen conclusión
Cumprido =
Cumprido parcialmente =
Cumprido formalmente =
Non cumprido =
Sen conclusión =