Parte I. Disposicións xerais

Artigo 1 – Definicións
  • 1

    Para os fins desta Carta:

    • a

      pola expresión «linguas rexionais ou minoritarias» entenderanse as linguas:

      • i

        faladas tradicionalmente nun territorio dun Estado por nacionais dese Estado que constitúen un grupo numericamente inferior ao resto da poboación do Estado, e

      • ii

        diferentes da(s) lingua(s) oficial(is) do Estado;

    • b

      por «territorio en que se fala unha lingua rexional ou minoritaria» entenderase a área xeográfica na cal esta lingua é o modo de expresión dun número de persoas que xustifica a adopción das diferentes medidas de protección e fomento previstas nesta Carta;

    • c

      por «linguas sen territorio» entenderanse as linguas faladas por nacionais do Estado que son diferentes da(s) lingua(s) empregada(s) polo resto da poboación do Estado, pero que, a pesar de se empregaren tradicionalmente no territorio do Estado, non se poden circunscribir a unha área xeográfica concreta del.

    non inclúe os dialectos da(s) lingua(s) oficial(is) do Estado nin as linguas da poboación inmigrante;

Artigo 2 – Compromisos
  • 1

    Cada parte comprométese a aplicar as disposicións da parte II ao conxunto das linguas rexionais ou minoritarias faladas no seu territorio, que respondan ás definicións do artigo 1.

  • 2

    Polo que se refire a toda lingua indicada no momento da ratificación, aceptación ou aprobación, de conformidade co artigo 3, cada unha das partes comprométese a aplicar un mínimo de trinta e cinco parágrafos ou puntos elixidos entre as disposicións da parte III desta Carta, dos cales, polo menos, tres deberán ser elixidos de cada un dos artigos 8 e 12 e un de cada un dos artigos 9, 10, 11 e 13.

Artigo 3 – Modalidades
  • 1

    Cada Estado contratante deberá especificar no seu instrumento de ratificación, aceptación ou aprobación cada lingua rexional ou minoritaria ou cada lingua oficial menos difundida no conxunto ou nunha parte do seu territorio á cal se deberán aplicar os parágrafos elixidos de conformidade co parágrafo 2 do artigo 2.

  • 2

    Toda parte, en calquera momento posterior, poderá notificar ao/á secretario/a xeral que acepta as obrigas que derivan das disposicións de calquera outro parágrafo da Carta que non fose especificado no seu instrumento de ratificación, aceptación ou aprobación, ou que aplicará o parágrafo 1 deste artigo a outras linguas rexionais ou minoritarias, ou a outras linguas oficiais menos difundidas no conxunto ou nunha parte do seu territorio.

  • 3

    Os compromisos previstos no parágrafo precedente consideraranse parte integrante da ratificación, aceptación ou aprobación e terán os mesmos efectos a partir da data da súa notificación.

Artigo 4 – Réximes de protección existentes
  • 1

    Ningunha das disposicións desta Carta se poderá interpretar no sentido de que limita ou derroga os dereitos garantidos polo Convenio Europeo de Dereitos Humanos.

  • 2

    As disposicións desta Carta non afectarán as disposicións máis favorables que rexan a situación das linguas rexionais ou minoritarias nin o réxime xurídico das persoas que pertencen a minorías que existan xa nunha parte ou que estean previstas por acordos internacionais bilaterais ou multilaterais pertinentes.

Artigo 5 – Obrigas existentes

Nada nesta Carta poderá ser interpretado no sentido de que leve consigo o dereito de emprender calquera actividade ou de realizar calquera acción que contradigan os fins da Carta das Nacións Unidas ou outras obrigas do dereito internacional, incluído o principio de soberanía e de integridade territorial dos Estados.

Artigo 6 – Información

As partes comprométense a velar por que as autoridades, organizacións e persoas ás cales afecta esta Carta sexan informadas dos dereitos e deberes establecidos por ela.

Parte II. Obxectivos e principios perseguidos de conformidade co parágrafo 1 do artigo 2

Artigo 7 – Obxectivos e principios
  • 1

    En materia de linguas rexionais ou minoritarias, nos territorios en que se falen as citadas linguas e segundo a situación de cada unha delas, as partes basearán a súa política, a súa lexislación e a súa práctica nos obxectivos e principios seguintes:

    • a

      o recoñecemento das linguas rexionais ou minoritarias como expresión da riqueza cultural;

    • b

      o respecto da área xeográfica de cada lingua rexional ou minoritaria, actuando de tal maneira que as divisións administrativas xa existentes ou novas non sexan un obstáculo para o fomento da devandita lingua rexional ou minoritaria;

    • c

      a necesidade dunha acción resolta de fomento das linguas rexionais ou minoritarias, co fin de as salvagardar;

    • d

      a facilitación e/ou o fomento do emprego oral e escrito das linguas rexionais ou minoritarias na vida pública e na vida privada;

    • e

      o mantemento e o desenvolvemento de relacións, nos ámbitos que abrangue esta Carta, entre os grupos que empreguen unha lingua rexional ou minoritaria e outros grupos do mesmo Estado que falen unha lingua utilizada de maneira idéntica ou parecida, así como o establecemento de relacións culturais con outros grupos do Estado que utilicen linguas diferentes;

    • f

      a provisión de formas e medios adecuados para o ensino e o estudo das linguas rexionais ou minoritarias en todos os niveis apropiados;

    • g

      a provisión de medios que lles permitan aprender unha lingua rexional ou minoritaria ás e aos non-falantes que residan na área en que se emprega esa lingua, de así o desexaren;

    • h

      a promoción de estudos e investigación sobre as linguas rexionais ou minoritarias nas universidades ou centros equivalentes;

    • i

      a promoción de formas apropiadas de intercambios transnacionais, nos ámbitos cubertos por esta Carta, para as linguas rexionais ou minoritarias utilizadas de maneira idéntica ou semellante en dous ou máis Estados.

  • 2

    As partes comprométense a eliminar, se aínda non o fixeron, toda distinción, exclusión, restrición ou preferencia inxustificadas con respecto á utilización dunha lingua rexional ou minoritaria cuxo obxectivo sexa desalentar ou pór en perigo o seu mantemento ou o seu desenvolvemento. A adopción de medidas especiais en favor das linguas rexionais ou minoritarias, destinadas a promover unha igualdade entre as e os falantes destas linguas e o resto da poboación e orientadas a ter en conta as súas situacións peculiares, non se considerará un acto de discriminación coas e cos falantes das linguas máis estendidas.

  • 3

    As partes comprométense a fomentar, por medio de medidas apropiadas, a comprensión mutua entre todos os grupos lingüísticos do país, actuando concretamente de maneira que o respecto, a comprensión e a tolerancia cara ás linguas rexionais ou minoritarias figuren entre os obxectivos da educación e da formación impartida no país, e estimulando os medios de comunicación social a perseguir o mesmo obxectivo.

  • 4

    Ao definir a súa política con respecto ás linguas rexionais ou minoritarias, as partes comprométense a ter en consideración as necesidades e os desexos expresados polos grupos que empreguen as devanditas linguas. Serán convidadas a crear, se for necesario, órganos encargados de asesorar as autoridades acerca de todas as cuestións que se refiran ás linguas rexionais ou minoritarias.

  • 5

    As partes comprométense a aplicar, mutatis mutandi, os principios enumerados nos parágrafos 1 a 4 que anteceden ás linguas sen territorio. Non obstante, no caso destas linguas, a natureza e o alcance das medidas que se deberán tomar para a aplicación desta Carta determinaranse de maneira flexible, tendo en conta as necesidades e os desexos, e respectando as tradicións e características dos grupos que falan as linguas de que se trate.

Parte III. Medidas que, para fomentar o emprego das linguas rexionais ou minoritarias na vida pública, se deberán adoptar de conformidade cos compromisos contraídos en virtude do parágrafo 2 do artigo 2

Artigo 8 – Ensino
  • 1

    En materia de ensino e, polo que se refire ao territorio en que se falan as ditas linguas e segundo sexa a situación de cada unha delas, sen prexuízo do ensino da(s) lingua(s) oficial(is) do Estado, as partes comprométense a:

    • a

      • i:

        prever unha educación preescolar garantida nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou

      • ii:

        prever que unha parte substancial da educación preescolar se faga nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou

      • iii:

        aplicar unha das medidas a que se refiren os puntos i) e ii) anteriores, polo menos, para os alumnos cuxas familias o desexen e cuxo número se considere suficiente; ou

      • iv:

        se os poderes públicos non teñen competencia directa en materia de educación preescolar, favorecer e/ou fomentar a aplicación das medidas a que se refiren os puntos i) a iii) anteriores;

    • b

      • i:

        prever un ensino primario garantido nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou

      • ii:

        prever que unha parte substancial do ensino primario se faga nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou

      • iii:

        prever, no marco da educación primaria, que o ensino das linguas rexionais ou minoritarias correspondentes forme parte integrante do plan de estudos; ou

      • iv:

        aplicar unha das medidas a que se refiren os puntos i) a iii) anteriores, polo menos os alumnos cuxas familias o desexen e cuxo número se considere suficiente;

    • c

      • i:

        prever un ensino secundario garantido nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou

      • ii:

        prever que unha parte substancial do ensino secundario se faga nas linguas rexionais ou minoritarias; ou

      • iii:

        prever, no marco da educación secundaria, o ensino das linguas rexionais ou minoritarias como parte integrante do plan de estudos; ou

      • iv:

        aplicar unha das medidas a que se refiren os puntos i) a iii) anteriores, polo menos, para os alumnos que o desexen –ou, de ser o caso, cuxas familias o desexen–, en número considerado suficiente;

    • d

      • i:

        prever un ensino técnico e profesional garantido nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou

      • ii:

        prever que unha parte substancial do ensino técnico e profesional se faga nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou

      • iii:

        prever, no marco da educación técnica e profesional, o ensino das linguas rexionais ou minoritarias correspondentes como parte integrante do plan de estudos; ou

      • iv:

        aplicar unha das medidas a que se refiren os puntos i) a iii) anteriores, polo menos, para os alumnos que o desexen ou, de ser o caso, cuxas familias o desexen en número considerado suficiente;

    • e

      • i:

        prever un ensino universitario e outras formas de ensino superior nas linguas rexionais ou minoritarias, ou

      • ii:

        prever o estudo desas linguas como materias do ensino universitario e superior; ou

      • iii:

        se, en razón do papel do Estado con respecto aos centros de ensino superior, os puntos i) e ii) non se puidesen aplicar, fomentar e/ou autorizar o establecemento dun ensino universitario ou outras formas de ensino superior nas linguas rexionais ou minoritarias, ou de medios que permitan estudar esas linguas na universidade ou noutros centros de ensino superior;

    • f

      • i:

        tomar disposicións para que se impartan cursos de ensino para persoas adultas ou de educación permanente principal ou totalmente nas linguas rexionais ou minoritarias; ou

      • ii:

        propor estas linguas como materias no ensino de adultos e na educación permanente; ou

      • iii:

        se os poderes públicos non teñen competencias directas en materia de educación para persoas adultas, favorecer e/ou fomentar o ensino desas linguas no marco do ensino para persoas adultas e da educación permanente;

    • g

      tomar medidas para asegurar o ensino da historia e a cultura das cales é expresión a lingua rexional ou minoritaria;

    • h

      garantir a formación inicial e permanente do profesorado necesario para aplicar os parágrafos de a) a g) que aceptase a parte;

    • i

      crear un ou varios órganos de control encargados do seguimento das medidas adoptadas e dos progresos realizados no establecemento ou desenvolvemento do ensino das linguas rexionais ou minoritarias, e redactar ao respecto informes periódicos que se farán públicos.

  • 2

    En materia de ensino e polo que se refire a territorios distintos daqueles en que se falan tradicionalmente as linguas rexionais ou minoritarias, as partes comprométense a autorizar, fomentar ou establecer, se o número de falantes dunha lingua rexional ou minoritaria o xustifica, o ensino da lingua rexional ou minoritaria ou nela, nos niveis que se consideren oportunos.

Artigo 9 – Xustiza
  • 1

    As partes comprométense, polo que se refire ás circunscricións das autoridades xudiciais en que o número de persoas que alí residan e falen as linguas rexionais ou minoritarias xustifique as medidas específicas seguintes, segundo sexa a situación de cada unha desas linguas e a condición de que o xuíz non considere que a utilización das posibilidades ofrecidas por este parágrafo constitúe un obstáculo para a boa administración da xustiza:

    • a

      nos procedementos penais:

      • i:

        asegurar que os órganos xurisdicionais, por solicitude dunha das partes, leven o procedemento nas linguas rexionais ou minoritarias; e/ou

      • ii:

        garantirlle á persoa acusada o dereito de se expresar na súa lingua rexional ou minoritaria; e/ou

      • iii:

        asegurar que as demandas e as probas, escritas ou orais, non se consideren desestimables polo único motivo de estaren redactadas nunha lingua rexional ou minoritaria; e/ou

      • iv:

        redactar nesas linguas rexionais ou minoritarias, logo de solicitude, os documentos que atinxan a un procedemento xudicial, recorrendo, se for necesario, a intérpretes e a traducións sen gastos adicionais para as persoas interesadas;

    • b

      nos procedementos civís:

      • i:

        asegurar que os órganos xurisdicionais, por solicitude dunha das partes, leven o procedemento nas linguas rexionais ou minoritarias; e/ou

      • ii:

        permitir, cando unha parte en litixio deba comparecer persoalmente perante un tribunal, que se exprese na súa lingua rexional ou minoritaria sen incorrer por iso en gastos adicionais; e/ou

      • iii:

        permitir a presentación de documentos e de probas nas linguas rexionais ou minoritarias, se for necesario recorrendo a intérpretes e a traducións.

    • c

      nos procedementos perante as xurisdicións competentes en materia administrativa:

      • i:

        asegurar que os órganos xurisdicionais, por solicitude dunha das partes, leven o procedemento nas linguas rexionais ou minoritarias; e/ou

      • ii:

        permitir, cando unha parte nun litixio deba comparecer persoalmente perante un tribunal, que se exprese na súa lingua rexional ou minoritaria sen incorrer por iso en gastos adicionais; e/ou

      • iii:

        permitir, cando unha parte nun litixio deba comparecer persoalmente perante un tribunal, que se exprese na súa lingua rexional ou minoritaria sen incorrer por iso en gastos adicionais; e/ou

    • d

      adoptar medidas para que a aplicación dos puntos i) e iii) das alíneas b) e c) anteriores e o emprego, dado o caso, de intérpretes e de traducións non comporten gastos adicionais para as persoas interesadas.

  • 2

    As partes comprométense a:

    • a

      non rexeitar a validez dos documentos xurídicos elaborados dentro do ámbito do Estado polo único feito de estaren redactados nunha lingua rexional ou minoritaria; ou

    • b

      non rexeitar a validez, entre as partes, dos documentos xurídicos elaborados dentro do ámbito do Estado polo único feito de estaren redactados nunha lingua rexional ou minoritaria, e a asegurar que poderán ser invocados fronte a terceiras persoas interesadas non falantes desas linguas, a condición de que o contido do documento se poña en coñecemento delas por quen o faga valer; ou

    • c

      non rexeitar a validez, entre as partes, dos documentos xurídicos elaborados dentro do ámbito do Estado polo único feito de estaren redactados nunha lingua rexional ou minoritaria.

  • 3

    As partes comprométense a facer accesibles, nas linguas rexionais ou minoritarias, os textos lexislativos nacionais máis importantes e aqueles que se refiren en particular ás e aos falantes das devanditas linguas, a menos que xa se dispoña de tales textos doutro modo.

Artigo 10 – Autoridades administrativas e servizos públicos
  • 1

    Nas circunscricións das autoridades administrativas do Estado nas cales resida un número de falantes de linguas rexionais ou minoritarias que xustifique as medidas que figuran a continuación, e segundo a situación de cada lingua, as partes, na medida en que sexa razoablemente posible, comprométense a:

    • a

      • i:

        velar por que as devanditas autoridades administrativas empreguen as linguas rexionais ou minoritarias; ou

      • ii:

        velar por que aqueles axentes seus que estean en contacto co público empreguen as linguas rexionais ou minoritarias nas súas relacións coas persoas que se dirixan a eles nesas linguas; ou

      • iii:

        velar por que as e os falantes de linguas rexionais ou minoritarias poidan presentar solicitudes orais ou escritas e recibir unha resposta nesas linguas; ou

      • iv:

        velar por que as e os falantes de linguas rexionais ou minoritarias poidan presentar solicitudes orais ou escritas nas citadas linguas; ou

      • v:

        velar por que as e os falantes de linguas rexionais ou minoritarias poidan presentar validamente un documento redactado nas devanditas linguas.

    • b

      pór á disposición da poboación formularios e textos administrativos de uso frecuente nas linguas rexionais ou minoritarias, ou en versións bilingües;

    • c

      permitir ás autoridades administrativas redactar documentos nunha lingua rexional ou minoritaria.

  • 2

    No que se refire ás autoridades locais e rexionais no territorio das cales resida un número de falantes de linguas rexionais ou minoritarias que xustifique as medidas que figuran a continuación, as partes comprométense a permitir e/ou fomentar:

    • a

      o emprego das linguas rexionais ou minoritarias no marco da administración rexional ou local;

    • b

      a posibilidade para as e os falantes de linguas rexionais ou minoritarias de presentaren solicitudes orais ou escritas nas devanditas linguas;

    • c

      a publicación polas colectividades rexionais dos seus textos oficiais tamén nas linguas rexionais ou minoritarias;

    • d

      a publicación polas autoridades locais dos seus textos oficiais tamén nas linguas rexionais ou minoritarias;

    • e

      o emprego polas colectividades rexionais de linguas rexionais ou minoritarias nos debates das súas asembleas, sen excluír, non obstante, o uso da(s) lingua(s) oficial(is) do Estado;

    • f

      o emprego polas colectividades locais de linguas rexionais ou minoritarias nos debates das súas asembleas, sen excluír, non obstante, o emprego da(s) lingua(s) oficial(is) do Estado;

    • g

      o emprego ou a adopción e, no caso de que proceda, conxuntamente coa denominación na(s) lingua(s) oficial(is), das formas tradicionais e correctas dos topónimos nas linguas rexionais ou minoritarias.

  • 3

    Polo que se refire aos servizos públicos garantidos polas autoridades administrativas ou por outras persoas que actúen por conta daquelas, as partes contratantes, nos territorios en que se falen as linguas rexionais ou minoritarias e en función da situación de cada lingua e na medida en que iso sexa razoablemente posible, comprométense a:

    • a

      velar por que as linguas rexionais ou minoritarias se empreguen ao prestarse un servizo; ou

    • b

      permitirlles ás e aos falantes das linguas rexionais ou minoritarias presentar solicitudes e recibir respostas nas citadas linguas; ou

    • c

      permitirlles ás e aos falantes de linguas rexionais ou minoritarias presentar solicitudes nas devanditas linguas.

  • 4

    Co fin de aplicar as disposicións dos parágrafos 1, 2 e 3 que aceptasen, as partes comprométense a adoptar unha ou varias das seguintes medidas:

    • a

      a tradución ou a interpretación eventualmente solicitadas;

    • b

      o recrutamento e, se é o caso, a formación de funcionarios/as e outros/as empregados/as públicos/as en número suficiente;

    • c

      a aceptación, na medida do posible, das solicitudes dos/as empregados/as públicos/as que coñezan unha lingua rexional ou minoritaria para seren destinados/as ao territorio en que se fala a citada lingua.

  • 5

    As partes comprométense a permitir, por solicitude dos/as interesados/as, o emprego ou a adopción de patronímicos nas linguas rexionais ou minoritarias.

Article 11 – Medios de comunicación
  • 1

    Para as e os falantes de linguas rexionais ou minoritarias, nos territorios en que se falen as devanditas linguas, segundo sexa a situación de cada unha delas e na medida en que as autoridades públicas, de maneira directa ou indirecta, teñan competencias, atribucións ou un papel que representar nese ámbito, respectando ao propio tempo os principios de independencia e de autonomía dos medios de comunicación, as partes comprométense:

    • a

      na medida en que a radio e a televisión teñan unha misión de servizo público, a:

      • i:

        garantir a creación de, polo menos, unha emisora de radio e unha canle de televisión nas linguas rexionais ou minoritarias; ou

      • ii:

        fomentar e/ou facilitar a creación de, polo menos, unha emisora de radio e unha canle de televisión nas linguas rexionais ou minoritarias; ou

      • iii:

        adoptar as medidas adecuadas para que os medios de difusión programen emisións nas linguas rexionais ou minoritarias;

    • b

      • i:

        fomentar e/ou facilitar a creación de, polo menos, unha emisora de radio nas linguas rexionais ou minoritarias; ou

      • ii:

        fomentar e/ou facilitar a emisión de programas de radio nas linguas rexionais ou minoritarias, de maneira regular;

    • c

      • i:

        fomentar e/ou facilitar a creación de, polo menos, unha canle de televisión nas linguas rexionais ou minoritarias; ou

      • ii:

        fomentar e/ou facilitar a difusión de programas de televisión nas linguas rexionais ou minoritarias, de maneira regular;

    • d

      fomentar e/ou facilitar a produción e a difusión de obras de audición e audiovisión nas linguas rexionais ou minoritarias;

    • e

      • i:

        fomentar e/ou facilitar a creación e/ou mantemento de, polo menos, un órgano de prensa nas linguas rexionais ou minoritarias; ou

      • ii:

        fomentar e/ou facilitar a publicación de artigos de prensa nas linguas rexionais ou minoritarias, de maneira regular;

    • f

      • i:

        Cubrir os custos adicionais dos medios de comunicación que utilicen linguas rexionais ou minoritarias, cando a lei prevexa unha asistencia financeira, en xeral, para os medios de comunicación; ou

      • ii:

        ampliar as medidas existentes de asistencia financeira ás producións audiovisuais en linguas rexionais ou minoritarias ;

    • g

      apoiar a formación de xornalistas e demais persoal para os medios de comunicación que empreguen as linguas rexionais ou minoritarias.

  • 2

    As partes comprométense a garantir a liberdade de recepción directa das emisións de radio e de televisión dos países veciños nunha lingua falada de maneira idéntica ou parecida a unha lingua rexional ou minoritaria, e a non se opor á retransmisión de emisións de radio e de televisión dos países veciños na citada lingua. Comprométense, ademais, a velar por que non se lle impoña á prensa escrita ningunha restrición á liberdade de expresión e á libre circulación de información nunha lingua falada de maneira idéntica ou parecida a unha lingua rexional ou minoritaria. O exercicio das liberdades mencionadas anteriormente, que entraña deberes e responsabilidades, pode ser sometido a certos trámites, condicións, restricións ou sancións previstos pola lei, que constitúan medidas necesarias, nunha sociedade democrática, para a seguranza nacional, a integridade territorial ou a seguranza pública, a defensa da orde e a prevención da delincuencia, a protección da saúde ou da moral, a protección da reputación ou dos dereitos alleos, para impedir a divulgación de informacións confidenciais ou para garantir a autoridade e a imparcialidade do poder xudicial.

  • 3

    As partes comprométense a velar por que os intereses das e dos falantes de linguas rexionais ou minoritarias estean representados ou sexan tomados en consideración no marco das estruturas que se crearen de conformidade coa lei, con obxecto de garantir a liberdade e a pluralidade dos medios de comunicación.

Artigo 12 – Actividades e servizos culturais
  • 1

    En materia de actividades e de servizos culturais –en particular de bibliotecas, videotecas, centros culturais, museos, arquivos, academias, teatros e cines, así como traballos literarios e produción cinematográfica, expresión cultural popular, festivais, industrias culturais, incluíndo en particular a utilización de tecnoloxías novas–, as partes, no que se refire ao territorio en que se falan as devanditas linguas e na medida en que as autoridades públicas teñan competencias, atribucións ou un papel que representar nese ámbito, comprométense a:

    • a

      fomentar a expresión e as iniciativas propias das linguas rexionais ou minoritarias, e a favorecer os diferentes medios de acceso ás obras producidas nesas linguas;

    • b

      favorecer os diferentes medios de acceso noutras linguas ás obras producidas nas linguas rexionais ou minoritarias, axudando e desenvolvendo as actividades de tradución, dobraxe, postsincronización e subtitulación;

    • c

      favorecer o acceso en linguas rexionais ou minoritarias a obras producidas noutras linguas, axudando e desenvolvendo as actividades de tradución, dobraxe, postsincronización e subtitulado;

    • d

      velar por que os organismos encargados de organizar ou apoiar diversas formas de actividades culturais integren de maneira adecuada o coñecemento e a práctica das linguas e das culturas rexionais ou minoritarias nas actividades cuxa iniciativa depende deles ou ás cales presten o seu apoio;

    • e

      favorecer a dotación dos organismos encargados de organizar ou apoiar actividades culturais cun persoal que domine a lingua rexional ou minoritaria, ademais da(s) lingua(s) do resto da poboación;

    • f

      favorecer a participación directa, no que se refire aos servizos e aos programas de actividades culturais, de representantes de falantes da lingua rexional ou minoritaria;

    • g

      fomentar e/ou facilitar a creación dun ou varios organismos encargados de recoller, recibir en depósito e presentar ou publicar as obras producidas en linguas rexionais ou minoritarias;

    • h

      se é o caso, a crear e/ou promover e financiar servizos de tradución e de investigación terminolóxica con vistas, en especial, a manter e desenvolver en cada lingua rexional ou minoritaria unha terminoloxía administrativa, mercantil, económica, social, tecnolóxica ou xurídica apropiadas.

  • 2

    No que se refire aos territorios distintos daqueles en que se empreguen tradicionalmente as linguas rexionais ou minoritarias, as partes comprométense a autorizar, fomentar e/ou prever, se o número de falantes dunha lingua rexional ou minoritaria así o xustifica, actividades ou servizos culturais apropiados, de conformidade co parágrafo precedente.

  • 3

    As partes comprométense, na súa política cultural no estranxeiro, a dar un lugar apropiado ás linguas rexionais ou minoritarias e á cultura que elas expresen.

Artigo 13 – Vida económica e social
  • 1

    No que se refire ás actividades económicas e sociais, e para o conxunto do país, as partes comprométense a:

    • a

      excluír da súa lexislación toda disposición que prohiba ou limite sen razóns xustificables o emprego de linguas rexionais ou minoritarias nos documentos relativos á vida económica ou social e, en particular, nos contratos de traballo e nos documentos técnicos, tales como os modos de emprego de produtos ou de servizos;

    • b

      prohibir a inserción, nos regulamentos internos das empresas e nos documentos privados, de cláusulas que exclúan ou limiten o uso de linguas rexionais ou minoritarias, polo menos, entre as e os falantes da mesma lingua;

    • c

      oporse ás prácticas encamiñadas a desalentar o emprego de linguas rexionais ou minoritarias dentro das actividades económicas ou sociais;

    • d

      facilitar e/ou fomentar, por outros medios distintos dos recollidos nos puntos anteriores, o emprego de linguas rexionais ou minoritarias.

  • 2

    En materia de actividades económicas e sociais e na medida en que as autoridades públicas teñan competencia, as partes, no territorio en que se falen as linguas rexionais ou minoritarias, e en canto sexa razoablemente posible, comprométense a:

    • a

      definir, mediante as súas regulamentacións financeiras e bancarias, modalidades que permitan, en condicións compatibles cos usos comerciais, o emprego de linguas rexionais ou minoritarias na redacción de ordes de pagamento (cheques, letras de cambio, etc.), ou outros documentos financeiros ou, se é o caso, a procurar que se poña en práctica ese proceso;

    • b

      nos sectores económicos e sociais que dependan directamente do seu control (sector público), realizar accións que fomenten o emprego das linguas rexionais ou minoritarias;

    • c

      velar por que os servizos sociais como os hospitais, as residencias da terceira idade, os asilos ofrezan a posibilidade de recibir e atender na súa lingua as e os falantes dunha lingua rexional ou minoritaria que necesiten coidados por razóns de saúde, idade ou por outros motivos;

    • d

      velar, polos medios adecuados, por que as instrucións de seguranza estean tamén redactadas nas linguas rexionais ou minoritarias;

    • e

      facilitar nas linguas rexionais ou minoritarias a información proporcionada polas autoridades competentes sobre os dereitos dos/as consumidores/as.

Artigo 14 – Intercambios transfronteirizos
  • a

    aplicar os acordos bilaterais e multilaterais existentes que as vinculan cos Estados en que se fala a mesma lingua de maneira idéntica ou parecida, ou procurar concluílos se for necesario, de tal modo que poidan favorecer os contactos entre as e os falantes da mesma lingua nos Estados correspondentes, nos ámbitos da cultura, o ensino, a información, a formación profesional e a educación permanente;

  • b

    en beneficio das linguas rexionais ou minoritarias, facilitar e/ou promover a cooperación a través das fronteiras, en particular entre colectividades rexionais ou locais nos territorios das cales se fale a mesma lingua de maneira idéntica ou parecida.

Parte IV. Aplicación da Carta

Artigo 15 – Informes periódicos
  • 1

    As partes presentaranlle periodicamente ao/á secretario/a xeral do Consello de Europa, na forma que determine o Comité de Ministros/as, un informe acerca da política seguida, de acordo coa parte II desta Carta, e acerca das medidas tomadas en aplicación das disposicións da parte III que aceptasen. O primeiro informe deberá ser presentado no ano seguinte á entrada en vigor da Carta con respecto á parte en cuestión; os seguintes informes, a intervalos de tres anos despois do primeiro informe.

  • 2

    As partes farán públicos os seus informes.

Artigo 16 – Exame dos informes
  • 1

    Os informes presentados á secretaría xeral do Consello de Europa en aplicación do artigo 15 serán examinados por un comité de expertos/as constituído de conformidade co artigo 17.

  • 2

    Os organismos ou as asociacións legalmente establecidos nunha parte poderán chamar a atención do comité de expertos/as sobre cuestións relativas aos compromisos adoptados pola citada parte en virtude da parte III desta Carta. Após consultar coa parte interesada, o comité de expertos/as poderá ter en conta esa información na preparación do informe a que se refire o número 3 deste artigo. Estes organismos ou asociacións poderán así mesmo presentar declaracións referentes á política seguida por unha parte, de conformidade coa parte II.

  • 3

    Sobre a base dos informes a que se refire o número 1 da información recollida no número 2, o comité de expertos/as preparará un informe para o Comité de Ministros/as. Este informe irá acompañado das observacións que se invitase a facer ás partes e o Comité de Ministros/as poderao facer público.

  • 4

    O informe a que se refire o número 3 incluirá, en particular, as propostas do comité de expertos/as ao Comité de Ministros/as para a preparación, se for o caso, de calquera recomendación que este último poida facer a unha ou varias partes.

  • 5

    O informe a que se refire o número 3 incluirá, en particular, as propostas do comité de expertos/as ao Comité de Ministros/as para a preparación, se for o caso, de calquera recomendación que este último poida facer a unha ou varias partes.

Artigo 17 – Comité de expertos/as
  • 1

    O comité de expertos/as comporase dun membro por cada parte, designado polo Comité de Ministros/as entre unha lista de persoas da maior integridade e de recoñecida competencia nas materias tratadas pola Carta, que propoña a parte correspondente.

  • 2

    Os membros do comité serán nomeados por un período de seis anos e o seu mandato será renovable. Se algún membro non pode completar o seu mandato será substituído de conformidade co procedemento previsto no número 1, e o membro nomeado no seu lugar completará o período de mandato do seu predecesor/a.

  • 3

    O comité de expertos/as adoptará o seu regulamento interno. A súa secretaría será asegurada polo/a secretario/a xeral do Consello de Europa.

Parte V. Disposicións derradeiras

Artigo 18

Esta Carta queda aberta á sinatura dos Estados membros do Consello de Europa. Será sometida a ratificación, aceptación ou aprobación. Os instrumentos de ratificación, aceptación ou aprobación quedarán depositados ante o/a secretario/a xeral do Consello de Europa.

Artigo 19
  • 1

    Esta Carta entrará en vigor o primeiro día do mes seguinte á expiración dun período de tres meses despois da data en que cinco Estados membros do Consello de Europa expresasen o seu consentimento en quedar vinculados pola Carta, de conformidade co disposto no artigo 18.

  • 2

    Para todo Estado membro que exprese posteriormente o seu consentimento en quedar vinculado pola Carta, esta entrará en vigor o primeiro día do mes seguinte á expiración dun período de tres meses despois da data do depósito do instrumento de ratificación, aceptación ou aprobación.

Artigo 20
  • 1

    Despois da entrada en vigor desta Carta, o Comité de Ministros/as do Consello de Europa poderá convidar a todo Estado non membro do Consello de Europa a adherirse á Carta.

  • 2

    Para todo Estado que se adhira á Carta, esta entrará en vigor o primeiro día do mes seguinte á expiración dun período de tres meses despois da data do depósito do instrumento de adhesión ante o/a secretario/a xeral do Consello de Europa.

Artigo 21
  • 1

    Todo Estado poderá, no momento do asinamento ou no momento do depósito do seu instrumento de ratificación, aceptación, aprobación ou adhesión, formular unha ou varias reservas aos parágrafos 2 a 5 do artigo 7 desta Carta. Non se admitirá ningunha outra reserva.

  • 2

    Todo Estado contratante que formulase unha reserva en virtude do parágrafo precedente poderá retirala total ou parcialmente dirixindo unha notificación ao/á secretario/a xeral do Consello de Europa. A retirada terá efecto na data de recepción da notificación polo/a secretario/a xeral.

Artigo 22
  • 1

    Toda parte poderá, en calquera momento, denunciar esta Carta dirixindo unha notificación ao/á secretario/a xeral do Consello de Europa.

  • 2

    A denuncia terá efecto o primeiro día do mes seguinte á expiración dun período de seis meses despois da data de recepción da notificación polo/a secretario/a xeral.

Artigo 23
  • 1

    O/A secretario/a xeral do Consello de Europa notificaralles aos Estados membros do Consello e a todo Estado que se adherise a esta Carta:

    • a

      toda sinatura;

    • b

      o depósito de todo instrumento de ratificación, aceptación, aprobación ou adhesión;

    • c

      toda data de entrada en vigor desta Carta, de conformidade con seus artigos 19 e 20;

    • d

      toda notificación recibida en aplicación das disposicións do artigo 3, parágrafo 2;

    • e

      calquera outro documento, notificación ou comunicación relacionados con esta Carta.

En fe do cal, as persoas que asinan abaixo, debidamente autorizadas para tal efecto, asinan esta Carta.

Feito en Estrasburgo, o 5 de novembro de 1992, en francés e en inglés, ambos os textos facendo igualmente fe, nun só exemplar que quedará depositado nos arquivos do Consello de Europa. O/A secretario/a xeral do Consello de Europa transmitirá unha copia certificada conforme del a cada un dos Estados membros do Consello de Europa e a todo Estado convidado a adherirse a esta Carta.